Thursday 19 de September de 2024

O BNG denuncia irregularidades no cobro do IBI a Audasa polo paso da AP9 por Culleredo


A información pública recollida pola Dirección Xeral do Catastro amosa que a maior parte da AP9 ao seu paso por Culleredo non está rexistrada baixo ningunha parcela catastral.

O BNG de Culleredo levará ao vindeiro Pleno Municipal unha moción para solicitar a incorporación ao inventario catastral do 100% dos terreos ocupados pola AP9, así como a revisión do Imposto de Bens Inmobles cobrado a Audasa nos últimos anos.

O BNG de Culleredo vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno Municipal a celebrar o martes 24 de setembro ás 20:00 horas co obxectivo de solicitar a incorporación ao inventario catastral do 100% dos terreos ocupados pola AP9 ao seu paso polo concello, incluindo a área de servizo do Burgo. Desde este Grupo Municipal teñen comprobado, tal e como calquera veciña ou veciño pode facer entrando na cartografía da sede electrónica do Catastro (imaxes adxuntas), como a meirande parte do percorrido da AP9 ao seu paso por Culleredo non ten correspondencia con ningunha parcela catastral. É dicir, non existe para o Catastro e en consecuencia non terá asociado un valor catastral que poida servir de base impoñible para calcular e cobrar o Imposto de Bens Inmobles (IBI).

Só unha parcela darredor duns 75.000 metros cadrados aparece efectivamente rexistrada, o que supón menos dun tercio de todo o trazado. A cantidade correspondente ao IBI calcúlase tendo en conta o seu valor catastral recollido pola Direción Xeral do Catastro, o cal serve como base impoñible do imposto ao que se aplica o tipo de gravame marcado polo concello no que se atope. Parece evidente, polo tanto, que o Concello de Culleredo ten cobrado só unha pequena parte do IBI que lle debería ter correspondido pagar a AUDASA no pasado e que non poderá cobrar, tal e como ten anunciado na prensa, o 100% do imposto mentres non solicite a incorporación do 100% dos terreos ao Catastro.

O goberno municipal do PSOE non atendeu ás reiteradas solicitudes de información a este respecto realizadas polo Grupo Municipal do BNG, incumprindo a Lei de Bases de Réxime Local a respecto do acceso a infomación pública por parte das concelleiras/os que forman parte da Corporación, nunha mostra máis da súa falta de transparencia.

Nos últimos meses a cidadanía galega, especialmente a veciñanza das provincias da Coruña e Pontevedra, é espectadora de anuncios nos medios de comunicación referentes ao fin da bonificación da que se viña beneficiando a empresa concesionaria da AP9 no pago do Imposto sobre Bens Inmobles, o IBI, polos terreos que ocupa ao longo de todo o percorrido da Autoestrada do Atlántico. Grazas a unha lei promulgada polo réxime franquista en 1972, a empresa concesionaria da AP9 (actualmente AUDASA) beneficiase dunha bonificación do 95% no pago do IBI.

Segundo a Lei Reguladora das Facendas Locais, o IBI é un imposto municipal, sendo polo tanto as arcas municipais dos concellos galegos polos que trascorre a AP9 as que viñeron soportando a carga desa bonificación dictatorial. A pesar dos anuncios na prensa nos que varios alcaldes destes concellos tratan de outorgarse a decisión de rematar con esta bonificación, o certo é que poderemos poñer fin a este agravio ao acadar o límite temporal marcado por decreto no ano 2000 para o mes de agosto de 2023. Non é esta unha data aleatoria, se non que é a data que tería marcado o fin da concesión de non ser polas ampliacións por 25 anos máis (até 2048) á que nos someteron os gobernos do Partido Popular e o PSOE presidido polo Sr. Aznar e o Sr. Rodríguez Zapatero, ampliacións da concesión que xa foi calificada como “ilegal” pola Comisión Europea, e pola que xa se ten aberto un expediente de infración ao goberno do estado español.

Mais no caso de Culleredo á vista da desatención por parte do goberno municipal para asegurar o rexistro efectivo no Catastro da totalidade dos terreos. Unha desidia, desatención e incompetencia que novamente terá que pagar a veciñanza de Culleredo.

Deja un comentario